Por favor escriba aquí o título principal da páxina...

Título Preliminar

Artigo 1

A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, para o cumprimento das funcións que lle confiren a Lei orgánica de universidades e os Estatutos da Universidade de Vigo, rexerase polo presente Regulamento.

Artigo 2

A xestión da Escola estará ordenada polos principios de toma de decisións por maioría e respecto ás minorías. Sen prexuízo do establecido polas normas vixentes e por este Regulamento, cada estamento da Escola poderase dotar das fórmulas organizativas que considere oportunas.

Título I: da Xunta de Escola

Capítulo 1: Disposicións Xerais

Artigo 3

A Xunta de Escola é o órgano colexiado de representación e de decisión do Centro, coas competencias que lle son atribuídas polos Estatutos da Universidade de Vigo e polo presente Regulamento.

Artigo 4

  1. As decisións que tome a Xunta de Escola, en materia da súa competencia, adoptarán a forma de acordos, mocións ou propostas.
  2. Só os acordos vencellan ó Director no exercicio das súas competencias.
  3. Os acordos da Xunta de Escola son susceptibles de recurso de alzada nun prazo de un mes perante o Consello de Goberno esgotando a vía administrativa, e só son posteriormente recorribles pola vía contencioso-administrativa. A interposición do recurso poderá suspende-la execución do acto ou disposición impugnados cando, do contrario, poidan producirse danos de imposible ou difícil reparación, sempre que o interese público non se vexa prexudicado pola falla de execución inmediata.

Artigo 5

Serán nulos os acordos adoptados sobre asuntos que non figuren incluídos na orde do día, sen prexuízo do previsto no artigo 26.3 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

Artigo 6

  1. As sesións da Xunta de Escola estarán abertas a tódolos membros da Comunidade Universitaria da mesma. A este efecto, habilitaranse prazas perfectamente delimitadas e separadas, sempre que o local o permita.
  2. A proposta da Xunta de Escola, poderán ser invitados as súas reunións, con voz pero sen voto, todas aquelas persoas alleas a Xunta de Escola que estean interesadas en asuntos específicos e que poidan resultar afectados polos mesmos.
  3. Cando a natureza dos asuntos que se van tratar o requiran, o Director poderá convocar ás sesións da Xunta de Escola, con voz pero sen voto, a persoas alleas á mesma que poidan estar directa ou indirectamente relacionadas cós asuntos a tratar. De tódolos xeitos, antes da intervención da persoa convocada o Director solicitará o prace da Xunta de Escola.

Artigo 7

Os acordos da Xunta de Escola serán executados polo Director á maior brevidade posible.

Artigo 8

A normativa estatal básica sobre o Procedemento Administrativo Común en materia de funcionamento dos órganos colexiados será supletoria en todos aqueles aspectos non previstos na normativa da Universidade de Vigo.

Capítulo 2: Do Regulamento da Xunta de Escola. Sección 1: Da composición da Xunta de Escola.

Artigo 9

A Xunta de Escola estará composta polo Director que a preside, e polo seguinte conxunto de membros adscritos á Escola de Enxeñería Industrial:

  1. Secretario da Escola que o será da propia Xunta.
  2. Todo o profesorado da Escola con vinculación permanente á Universidade, que constituirá o 51% da Xunta de Escola.
  3. Unha representación do persoal docente e investigador sen vinculación permanente á Universidade, que corresponderá ao 9% da Xunta de Escola. En calquera caso, polo menos o 80% corresponderá ao persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo.
  4. Unha representación do alumnado, que constituirá o 30% da Xunta de Escola.
  5. Unha representación do persoal de administración e servizos que constituirá o 10% da Xunta de Escola.

Artigo 10

Os membros electos da Xunta de Escola serán renovados cada dous anos.

Artigo 11

Se algún dos representantes renunciara ao seu posto, ou deixara de pertencer á comunidade universitaria ou sector para o que foi elixido durante o período de representación, este será ocupado polo que obtivera mais votos nas eleccións correspondentes sen chegar a ser elixido.

Artigo 12

A elección dos representantes do persoal docente e investigador sen vinculación permanente á Universidade, dos estudantes e do persoal da Administración e Servicios levarase a cabo segundo a normativa específica aprobada polo Consello de Goberno.

Sección 2: Das funcións da Xunta de Escola.

Artigo 13

Son funcións da Xunta de Escola de acordo co artigo 43 dos Estatutos da Universidade de Vigo, as seguintes:

  1. A elaboración, aprobación e modificación da proposta do seu regulamento de réxime interno.
  2. A elección e revogación do Director.
  3. A aprobación da proposta de distribución do orzamento anual da Escola e da súa execución.
  4. A implantación e seguimento dos plans de estudos.
  5. Coidado do bo funcionamento de todos os órganos e servizos da Escola.
  6. A resolución de conflitos que se poidan producir no seo da Escola.
  7. A promoción e o ordenamento da realización de traballos de fin de grao e traballos de fin de mestrado, e de ensinanzas e actividades complementarias esixidas para obter os títulos.
  8. A proposición e aplicación das normas de selección de estudantes e a valoración do seu rendemento e aproveitamento.
  9. A preparación e coordinación, de modo eficaz e adecuado, do horario das distintas materias, cursos monográficos, cursos de especialización, probas parciais e finais, distribución de aulas e servizos e ensinanzas complementarias, así como a habilitación de medidas de control do cumprimento das obrigas docentes.
  10. A distribución dos espazos que lle sexan asignados.
  11. Todas aquelas que lle atribúan a lexislación vixente e os Estatutos da Universidade de Vigo e non atribuídas expresamente ó Director.

Sección 3: Do funcionamento da Xunta de Escola.

Artigo 14

  1. As sesións da Xunta de Escola poden ser ordinarias ou extraordinarias. As sesións ordinarias teranse que celebrar alomenos unha vez ó ano.
  2. As sesións extraordinarias estarán dedicadas a tratar un só tema ou varios temas de natureza complementaria.

Artigo 15

  1. A convocatoria da Xunta de Escola correspóndelle ó Director.
  2. Director deberá así mesmo convoca-la Xunta de Escola cando sexa solicitada por, alomenos, un 15% dos membros da Xunta. Os solicitantes deberán indicar tamén o punto ou puntos que desexen tratar na sesión. A Xunta de Escola deberá ter data de convocatoria nun prazo máximo de 15 días hábiles a partires da dita petición.
  3. Para que a convocatoria produza efecto deberase poñer en coñecemento de tódolos seus membros, mediante notificación na que se fará consta-la orde do día e, asemade, día, hora e lugar da reunión.
  4. A convocatoria, contendo a orde do día, será remitida por vía electrónica cunha antelación de 72 horas, agás no caso da sesión extraordinaria e urxente. Neste caso, deberá respectarse un prazo mínimo de 2 días hábiles. A documentación necesaria para o desenvolvemento da sesión estará a disposición dos membros da Xunta de Escola na secretaría no mesmo prazo.
  5. No caso dos estudantes, e en épocas fora do período de clases, a convocatoria remitirase ó seu domicilio.
  6. A Xunta de Escola reunirase en días administrativamente hábiles, dentro do período lectivo.

Artigo 16

  1. A Orde do día será elaborada polo Director, asistido polo Secretario e mailo Equipo Directivo.
  2. Na orde do día figurarán inescusablemente os puntos de aprobación da Acta da sesión ou das sesións anteriores, e de rogos e preguntas, salvo que a sesión de Xunta de Escola sexa extraordinaria.
  3. Tamén deberán ser incluídos na orde do día os puntos que se soliciten por acordo da sesión anterior e os que, previamente, soliciten por escrito polo menos un 10% dos membros da Xunta de Escola.

Artigo 17

Para a válida constitución da Xunta de Escola será necesaria en primeira convocatoria a presencia do Presidente e Secretario, ou dos seus respectivos substitutos, e da metade, alomenos, dos seus membros. En segunda convocatoria, que se celebrará media hora máis tarde, constituirase válidamente cunha cuarta parte dos seus membros, en todo caso será necesaria a presenza do presidente e do secretario ou de quen os substitúa.

Artigo 18

  1. A Xunta de Escola será presidida polo Director, asistido polos Subdirectores e o Secretario. En caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa de forza maior que impida a súa asistencia, o Director poderá ser substituído por un dos Subdirectores, e o Secretario por un membro da Xunta de Escola designado polo Director.
  2. O Director interpretará o presente Regulamento en casos de dúbida. Tamén decidirá sobre a alteración da orde de discusión dos puntos da orde do día, e sobre o ordenamento dos debates.
  3. A secuencia da Orde do día poderá ser alterada cando así o aprobe a maioría simple dos presentes.

Artigo 19

  1. Correspóndelle ó Director, como presidente da Xunta de Escola, a apertura da sesión.
  2. O Director dirixirá e ordenará os debates. Fixará o tempo de debate para cada tema e, en función dos pedimentos de palabra, determinará a duración de cada intervención. O Director prolongará o tempo de debate no caso de que a maioría simple dos membros presentes considere que o tema non queda suficientemente debatido.
  3. Os membros da Xunta de Escola teñen dereito ó uso da palabra en relación a calquera punto da orde do día. Ninguén poderá ser interrompido cando fala, senón para ser chamado á orde ou a cinguirse ó tema polo Director. O Director poderá retirar o uso da palabra despois de dúas chamadas á orde.
  4. O Director concederá o dereito de resposta por alusións, de estimalo procedente, durante o período de tempo que fixe.
  5. No suposto de excesiva duración da sesión da Xunta de Escola, o Director disporá a interrupción da mesma, fixando a data e hora na que deberá continuarse.

Artigo 20

  1. Os acordos adoptaranse pola maioría simple de votos a favor dunha proposta, salvo no disposto expresamente para determinados temas neste Regulamento. Non se adoptarán acordos válidos se no momento da votación non estivesen presentes alomenos o quorum correspondente a segunda convocatoria da Xunta de Escola.
  2. As votacións poden ser por asentimento coa proposta formulada, públicas a man alzada, e secretas cando así o solicite alomenos algún dos membros da Xunta de Escola. En todo caso, as votacións serán secretas cando afecten a persoas concretas.
  3. Non se admitirá a delegación de voto, nin o voto anticipado, nin o voto por correo.

Artigo 21

O Secretario da Xunta de Escola levantará acta de tódalas súas sesións. As actas serán confeccionadas segundo o expresado no artigo 27 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

Artigo 22

  1. As actas de cada sesión, unha vez aprobadas, incluiranse no libro de actas, que ficará baixo a custodia do Secretario, que permitirá a súa consulta a calquera membro da Xunta de Escola. Os acordos da Xunta de Escola faranse públicos no prazo máximo de 3 días administrativamente hábiles.
  2. Só darán fe dos acordos e propostas da Xunta de Escola as certificacións expedidas polo Secretario da mesma.
  3. As certificacións poderán expedirse:
    1. De oficio por requirimento do Claustro, da Xunta de Goberno, dos órganos das administracións públicas ou de órganos xudiciais no exercicio da súa competencia.
    2. A instancia de calquera membro da comunidade universitaria da Escola. Neste último caso o contido das certificacións versará sobre a parte decisoria dos acordos e propostas.
  4. A notificación administrativa de calquera asunto que fose sometido á Xunta de Escola comprenderá o acordo literal tomado por ésta, o tipo de recurso pertinente e mailo prazo do que dispón o interesado.
  5. Nas certificacións de acordos adoptados, emitidos con anterioridade á aprobación da acta, farase constar expresamente esta circunstancia.

Capítulo 3: Da Comisión Permanente

Artigo 23

En aplicación do artigo 79 dos Estatutos da Universidade de Vigo créase a Comisión Permanente da Escola de Enxeñería Industrial. Esta Comisión Permanente é un órgano de representación da Xunta de Escola. Esta Comisión resolverá os asuntos que expresamente lle transfira a Xunta de Escola, á que dará conta das súas actuacións. Asemade, verá polo cumprimento das decisión da Xunta de Escola.

Artigo 24

  1. A Comisión Permanente estará formada por 27 membros:
    1. Director que a presidirá.
    2. Secretario da Escola que o será tamén da propia Comisión Permanente.
    3. 3 subdirectores designados polo Director segundo os temas a tratar.
    4. 15 representantes do persoal docente e investigador, dos cales alomenos 12 serán profesores con vinculación permanente á Universidade.
    5. 5 representantes do alumnado.
    6. 2 representantes do persoal de administración e servizos.
  2. Os membros da Comisión Permanente poderán ser substituídos en cada caso dentro do seu sector. De tódolos xeitos tanto os membros titulares como os suplentes deberán ser membros da Xunta de Escola.

Artigo 25

Tódolos representantes elixidos da Comisión Permanente han ser por un período de dous anos. A elección de membros da Comisión Permanente realizarase por sectores, en listas abertas con suplentes, nunha sesión da Xunta de Escola, non podendo votar a mais do 70%, ou porcentaxe máis próximo, dos membros correspondentes a cada sector.

Artigo 26

  1. Os membros da Comisión Permanente cesarán no momento en que perdan a súa condición de membros da Xunta de Escola.
  2. Calquera baixa dos membros elixibles será cuberta polo candidato que obtivera maior número de votos nas eleccións correspondentes sen chegar a ser elixido.

Artigo 27

A Comisión Permanente será competente nos seguintes asuntos:

  1. Organización da actividade académica da Escola.
  2. Plan Docente Anual (PDA) e Plan de Organización Docente (POD).
  3. Horarios de clases teóricas e laboratorio.
  4. Calendario de probas de avaliación.
  5. Normativa do Traballo de Fin de Grado, do Proxecto de Fin de Carreira e do Traballo de Fin de Mestrado.
  6. Guía Académica da Escola.
  7. probación de cursos de formación, cursos complementarios e cursos asimilables.
  8. Seguimento das titulacións oficiais impartidas pola Escola.
  9. Informar as peticións de recoñecemento de quinquenios de docencia.
  10. Supervisión do cumprimento das obrigas docentes.
  11. Tribunais extraordinarios dos exames e probas de avaliación.
  12. Validacións, adaptacións, renuncias, avaliacións curriculares e procedementos asimilables.
  13. Normativa para a realización das probas de conxunto para a homologación de títulos.
  14. Guías docentes e, no seu caso, os programas de cada materia.
  15. Supervisión do cumprimento dos dereitos e deberes dos alumnos da Escola no ámbito de competencias da mesma.
  16. Reparto do orzamento da Escola.
  17. Elaboración da memoria económica anual para a súa presentación diante da Xunta de Escola.
  18. Desenvolver iniciativas para conseguir fondos financeiros para a Escola de institucións externas á Universidade.
  19. Resolver os asuntos de trámite.
  20. Adoptar acordos sobre os asuntos que lle fosen delegados pola Xunta de Escola.
  21. Exercer todas aquelas funcións que delegue nela a Xunta de Escola.
  22. Pronunciarse sobre tódolos asuntos de competencia directa do Director, que éste someta á súa consideración.

Artigo 28

Para o seu funcionamento a Comisión Permanente rexerase segundo o establecido nos artigos 14 a 21 (ambos os dous inclusive) deste Regulamento agás nos seguintes aspectos:

  1. Para a válida constitución da Comisión Permanente será necesaria en primeira convocatoria a presencia do Presidente e do Secretario, ou dos seus respectivos substitutos, e da metade, alomenos, dos seus membros. En segunda convocatoria, que se celebrará media hora máis tarde, constituirase válidamente coa presencia do Presidente e do Secretario, ou dos seus respectivos substitutos, e de outros 7 membros da Comisión Permanente.

Título II: Dos Organos Unipersoais de Goberno.

Artigo 29

  1. Os órganos unipersoais de goberno da Escola están desempeñados polas persoas integrantes do Equipo de Dirección da mesma.
  2. Son órganos de goberno unipersoais:
    1. O Director.
    2. Os Subdirectores.
    3. O Secretario.
  3. As resolucións dos órganos unipersoais de goberno da Escola son susceptibles de recurso de alzada nun prazo de un mes perante o Reitor esgotando a vía administrativa, e só son posteriormente recorribles pola vía contencioso-administrativa. A interposición do recurso poderá suspender a execución do acto ou disposición impugnados cando, do contrario, poidan producirse danos de imposible ou difícil reparación, sempre que o interese público non se vexa prexudicado pola falla de execución inmediata.

Artigo 30

O Director designará de entre tódolos membros do Centro, os restantes membros do equipo directivo, que serán nomeados polo Reitor segundo os artigos 66 e 67 dos estatutos da Universidade Vigo.

Artigo 31

  1. O Director desempeña a representación do Centro e exerce as función de dirección e xestión ordinaria deste. Preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os acordos destes.
  2. O Director da Escola, asistido polo seu equipo de goberno, ten as seguintes funcións:
    1. Exercer a representación da Escola.
    2. Convocar e presidir a Xunta de Escola.
    3. Executar os acordos da Xunta de Escola.
    4. Supervisar o funcionamento dos servicios da Escola.
    5. Dirixir a xestión ordinaria da Escola.
    6. Convocar e presidir a Comisión Permanente e a Xunta de Titulación.
    7. Executar os acordos da Comisión Permanente e a Xunta de Titulación.
    8. Propoñer, oída a Xunta de Escola, a iniciación de expediente disciplinario a calquera dos membros da Escola. No caso dun profesor, a proposta dirixirase ó Departamento ou unidade administrativa correspondente.
    9. Velar polo cumprimento dos horarios docentes e de titorías.
    10. Todas aquelas que lle atribúan a lexislación vixente, os Estatutos da Universidade de Vigo e este Regulamento.

Artigo 32

  1. Conforme os artigos 54 e 65 dos Estatutos da Universidade de Vigo, o Director será elixido pola Xunta de Escola e nomeado polo Reitor entre o profesorado con vinculación permanente á Universidade de Vigo adscrito á Escola, por un período de tres anos e podendo presentarse a unha soa reelección consecutiva.
  2. A elección de Director será feita polo pleno da Xunta de Escola, reunida en sesión extraordinaria, mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto. Para a súa elección non se admitirá a delegación do voto, nin o voto anticipado, nin o voto por correo. No caso de ser candidato único ten que acadar maior número de votos a favor que en contra.
  3. Esta elección rexerase polo establecido na lexislación vixente que lle sexa de aplicación, polos Estatutos da Universidade de Vigo e polo correspondente regulamento, aprobado polo Consello de Goberno da Universidade.

Artigo 33

  1. Antes de proceder á elección de director constituirase unha xunta electoral que fará a proclamación de candidatos e resolverá tódalas cuestións que se deriven do proceso electoral. A xunta electoral da Escola estará integrada por:
    1. Director en funcións, que a preside.
    2. Secretario da Escola, que actuará como secretario da mesma.
  2. Un membro do PDI, un do PAS e un estudante designados por sorteo público así como os seus suplentes.
    1. No caso de que o director en funcións sexa candidato, cesará na súa condición de presidente da xunta electoral e será sustituido polo profesor máis antigo segundo prelación de corpos.
  3. A xunta electoral terá as seguintes funcións:
    1. Velar polo estricto cumprimento da normativa sobre eleccións e fixar o calendario electoral.
    2. Facer a proclamación definitiva do candidato ou candidatos a Director.
    3. Elevar a proposta de Director electo ó Reitor.

Artigo 34

  1. A Xunta de Escola reunirase en sesión extraordinaria na data sinalada na convocatoria para elección do Director, sendo presidida polo presidente da xunta electoral, quen outorgará un espacio de 15 minutos a cada un dos candidatos para que expoñan o seu programa e de seguido, noutros 15 minutos respondan ás preguntas que se lles formulen. Rematadas as intervencións procederase á votación que será nominal e secreta.
  2. Rematado o escrutinio, resultará elixido aquel dos candidatos que obteña a maioría absoluta dos votos dos asistentes. No caso de non ser acadada a devandita maioría, celebrarase unha segunda votación na que resultará elixido aquel dos candidatos que obteña maior número de votos. Se hai un único candidato, este ten que acadar maior número de votos a favor que en contra.
  3. Finalizada a votación, o secretario do centro levantará a corresponde acta, na cal se recollerán todas as incidencias e o resultado do escrutinio; resultado que o presidente da sesión elevará ao Reitor para que se dite a resolución de nomeamento correspondente.

Artigo 35

Son competencias e funcións dos Subdirectores as que lle asigne o Director.

Artigo 36

Son competencias do Secretario:

  1. Redactar as Actas, gardalas e dar fe das actuacións dos órganos de goberno da Escola.
  2. Custodiar os libros de actas.
  3. Expedir os documentos e certificacións das Actas dos acordos dos órganos da Escola.
  4. Coida-la publicidade dos acordos e resolucións dos órganos de goberno da Escola, de acordo co establecido nos Estatutos da Universidade de Vigo e neste Regulamento.
  5. Calquera outra función que lle delegue o Director da Escola.

Artigo 37

O Director poderá cesar por finalización do seu mandato, por pedimento propio, perda das condicións necesarias para ser elixido e por moción de censura nos termos establecidos nos Estatutos e no presente regulamento.

Artigo 38

  1. A Xunta de Escola pode esixirlle responsabilidade o Director mediante a presentación dunha moción de censura.
  2. A moción de censura deberá ser presentada no Rexistro da Escola coas sinaturas alomenos dun 25% dos membros da Xunta de Escola e conterá as razóns que a fundamentan, os nomes do candidato alternativo e das persoas do seu Equipo.
  3. Se a moción de censura reunise os requisitos anteriores, o Director está obrigado a convocar unha Xunta de Escola extraordinaria con este único punto da orde do día dentro dos seguintes quince días hábiles á recepción do escrito de moción no Rexistro da Escola.
  4. Aberta a sesión, o candidato alternativo disporá dun tempo de corenta e cinco minutos para expoñer os argumentos nos que fundamenta a súa moción. O Director disporá a continuación de igual tempo para o uso da palabra. A continuación abrirase unha quenda de intervencións, distribuíndose o tempo en función do número de peticións de palabra solicitadas. En todo caso, o candidato alternativo e o Director disporán cada un deles dun tempo de 15 minutos para rematar o debate.
  5. Acabado o debate procederase a votar a moción de censura, segundo o procedemento establecido no Regulamento para a elección de Decanos/Directores de Centros.
  6. A aprobación da moción de censura requirirá o voto afirmativo da maioría absoluta dos membros da Xunta de Escola.
  7. Se a moción de censura fose aprobada, o Secretario da Escola remitirá a Acta correspondente ó Reitor, para que se proceda ó nomeamento do candidato gañador como novo Director.
  8. Se a moción de censura non obtivese os votos necesarios, consideraríase rexeitada, e cada un dos asinantes da mesma non poderán subscribir outra moción de censura no prazo dun ano.

Artigo 39

Os Subdirectores e o Secretario cesarán por pedimento propio, por decisión do Director, por finalización do mandato do Director ou por perda das condicións necesarias para ser nomeados.

Título III: Da Xunta de Titulación

Artigo 40

  1. En aplicación do artigo 44 dos Estatutos da Universidade de Vigo créase a Xunta de Titulación da Escola de Enxeñería Industrial.
  2. A composición da Xunta de Titulación será regulada mediante unha normativa específica elaborada pola Comisión Permanente para a súa remisión e aprobación, á Xunta de Centro.
  3. Correspóndelle á Xunta de Titulación as funcións seguintes:
    1. Elaboración,
    2. aprobación e
    3. modificación da proposta do plano de estudios correspondente a cada titulación, que, en todo caso, deberán ser aprobadas pola Xunta de Escola.
  4. En todo caso, a Xunta de Titulación rexerase pola normativa específica da Universidade de Vigo.

Título IV: Da Comisión de Garantía de Calidade do Centro

Artigo 41

  1. Créase a Comisión de Garantía de Calidade da Escola de Enxeñería Industrial.
  2. A composición da Comisión de Garantía de Calidade será regulada mediante unha normativa específica elaborada pola Comisión Permanente para a súa remisión e aprobación, á Xunta de Centro.
  3. Correspóndelle á Comisión de Garantía de Calidade as funcións seguintes:
    1. Examinar a planificación do Sistema de Garantía Interna de Calidade (SGIC) da Escola, de tal xeito que se asegure o cumplimento dos requisitos xerais do manual do SGIC, da política o os obxectivos de calidade e os requisitos contemplados nas normativas de verificación e certificación correspondentes.
    2. Realizar o seguimento da eficacia dos procedementos a través dos indicadores asociados os mesmos.
    3. Controlar a execución de: as accións correctivas ou preventivas, as actuacións derivadas da revisión do sistema, as accións de resposta as suxerencias, queixas e reclamacións.
  4. En todo caso, a Comisión de Garantía de Calidade rexerase pola normativa específica da Universidade de Vigo.

Título V: Do Fomento das Actividades da Delegación de Alumnos da Escola

Artigo 42

  1. A Xunta de Escola, de acordo coas súas posibilidades, facilitaralle ós estudantes as instalacións, os medios materiais e económicos necesarios para o desenvolvemento das actividades extraordinarias, que poidan contribuír a mellorar a súa formación.
  2. A tal fin, a Xunta de Escola poñerá á disposición da Delegación de Alumnos os medios necesarios para o desenvolvemento das súas actividades.

Artigo 43

  1. A Delegación de Alumnos terá autonomía para:
    1. Elaborar o seu orzamento e xestionar os seus recursos.
    2. Elixir os seus representantes perante calquera autoridade, institución ou organización, informando ó Director do Centro.
    3. Crear tódalas seccións de actividades que consideren precisas para lograr os seus fins.
    4. Solicitar e recibir outros fondos de financiamento doutras instancias da Universidade e, tamén, de institucións externas á mesma, tanto privadas como públicas.
  2. O control do gasto das actividades da Delegación de Alumnos, que exceda do dez por cento do seu presuposto, terá intervención compartida polo Director ou persoa na que delegue.

Título VI: De Outras Comisións do Centro

Artigo 44

  1. Para o exercicio das súas funcións, tanto a Xunta de Escola como a Comisión Permanente poderán crear comisións informativas ou de traballo.
  2. No acordo de creación das devanditas comisións deberán figurar entre outros os seguintes aspectos:
    1. Composición.
    2. Funcións.
    3. Carácter, permanente ou temporal, da comisión.

Título VII: Da Reforma Deste Regulamento

Artigo 45

  1. A iniciativa para reformar o presente Regulamento corresponde ó Director ou a un 25% dos membros da Xunta de Escola.
  2. As propostas de reforma dirixidas ó Presidente da Xunta de Escola deberán acompañarse dun texto articulado e da argumentación na que se fundamentan.
  3. O debate para a reforma do Regulamento terá lugar nunha sesión extraordinaria da Xunta de Escola.
  4. Previamente ó debate para reformar o Regulamento someterase á consideración da Xunta de Escola a conveniencia de proceder a súa reforma, e no caso de considerarse adecuado, abrirase un prazo de presentación de emendas e suxerencias ó texto presentado.
  5. A reforma do Regulamento requirirá a maioría absoluta dos membros da Xunta de Escola.

Disposición Transitoria Primeira

Namentres non se elabore e se aprobe a normativa específica que estableza a composición da Xunta de Titulación á que alude o artigo 40.2 deste regulamento, á Xunta de Titulación terá á composición da actual Xunta de Titulación da Rama Industrial nomeada polo Reitor.

Disposición Transitoria Segunda

Namentres non se elabore e se aprobe a normativa específica que estableza a composición da Comisión de Garantía de Calidade á que alude o artigo 41.2 deste regulamento, á Comisión de Garantía de Calidade terá á composición resultante da agrupación das correspondentes Comisións de Garantía de Calidade da antiga Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial e da antiga Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo.

Disposición Transitoria Terceira

Namentres non se proceda á elección dos membros da Comisión Permanente á que alude o capítulo 3 deste regulamento, á Comisión Permanente terá á composición resultante da agrupación das correspondentes Comisión Permanente da antiga Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial e Comisión Docente da antiga Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo.

Aprobado pola Xunta de Escola o 20 de decembro de 2011.

Aprobado polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo o 21 de decembro de 2011.

Documentos y enlaces