Actividades de acollida 2020/2021

Todo o alumnado da nosa Escola debe participar nas actividades de acollida que organizamos tanto para o caso de que empece con nós neste curso como se xa nos coñece. Aínda que é posible que xa se saiban moitas das cousas que imos contar, a experiencia dinos que nunca está de máis coñecer algunhas máis e tamén aquelas novidades a ter en conta. Por outra banda, este vindeiro curso ven marcado por unha serie de aspectos e normativas derivadas da situación sanitaria na que nos atopamos. Polo ben de todas as persoas que formamos parte da comunidade universitaria é moi importante que coñezamos certas normas e recomendacións sobre o desenvolvemento da docencia. O papel de cada un de nós é esencial para garantir que a docencia poida transcorrer de xeito seguro dentro da ‘nova normalidade’ na que nos atopamos.

As actividades académicas de acollida para o alumnado de Graos e Mestrados Académicos da EEI matriculados no curso 2020/2021 terán lugar durante a segunda semana do mes de setembro, entre o 14 e o 18 de setembro.

A programación destas actividades publicarase na web da EEI nos próximos días. Pola situación na que nos atopamos, antes do comezo das mesmas e unha vez se coñezan os datos da matrícula, se indicará a sesión á que debe asistir cada estudante, e así poder cumprir cos protocolos establecidos no Plan de Prevención de Control Sanitario. Recoméndase coñecer este Plan, que estará dispoñible en vindeiras datas, e estar atento ás novas da web da Escola por se houbese algunha modificación ou axuste. 

A actividade docente (clases) comezará o luns 21 de setembro de acordo coa Planificación aprobada pola Comisión permanente da EEI.

Na EEI estamos a traballar para que o desenvolvemento da actividade póidase desenvolver dun xeito seguro e co mellor aproveitamento, pero é moi importante a colaboración de todas as persoas. O teu papel é moi importante para, entre todas as partes, superar as dificultades que supón a delicada situación na que nos atopamos.